Play all audios:
A Medalla de Galicia é a máxima distinción de honra que concede a Xunta de Galicia a persoas ou institucións que polos seus méritos ao servizo de Galicia en calquera aspecto da súa realidade
social, cultural ou económica, sexan dignas de obter o recoñecemento do pobo galego. Cómprelles ás sociedades que teñen conciencia do seu ser e da súa presenza histórica, recoñecer e honrar
as persoas e institucións que lles prestasen relevantes e meritorios servizos dignos de agradecemento público. Créase con tal fin a Medalla de Galicia, para distinguir e recompensar aos
que, dentro ou fóra da nosa terra, puxesen como razón das súas actividades, e mesmo da súa existencia, o quefacer diario de Galicia, ou aos que son merecentes da gratitude ou da homenaxe que
lles cómpre facer. A Medalla de Ouro de Galicia é unha xoia octogonal, alongada, de 50 milímetros no seu eixo maior e de 42 milímetros no menor. No anverso, sobre fondo de ouro, figura o
escudo de Galicia, coas súas cores, baixo o escudo corre en letras de ouro, sobre fondo azul, a lenda: «Ós bos e xenerosos». No reverso figura gravada a data de concesión, a lenda “Xunta de
Galicia” e o nome do condecorado.