Play all audios:
TERRITORIO NO QUE SE FALA Galicia ten máis de 2.800.000 habitantes. O territorio xeográfico da lingua galega está delimitado pola Comunidade Autónoma galega e as áreas máis occidentais de
Asturias, León e Zamora, ademais de tres pequenos lugares de Estremadura. A distribución do galego é xeograficamente homoxénea, sen que existan áreas territoriais nas que non se constate o
seu uso. Ademais diso, e polas circunstancias históricas da emigración da poboación por todo o mundo, existen áreas con ampla presenza de comunidade galega que conservaron a súa lingua como
vehículo comunicativo, non só no ámbito privado, senón tamén no público, a través de publicacións periódicas, literarias ou mesmo na comunicación radiofónica dos países de acollida.
Persisten amplas comunidades de falantes en cidades como Barcelona, Zúric, Montevideo ou Bos Aires. STATUS LEGAL O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado en 1981, recoñece o galego como
lingua propia de Galicia e cooficial da comunidade, que “todos teñen o dereito de a coñecer e usar” e, ao mesmo tempo, responsabiliza os poderes públicos da normalización do galego en todos
os ámbitos. A Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade o 15 de xuño de 1983 no Parlamento de Galicia, garante e ordena os dereitos lingüísticos dos cidadáns, especialmente
os referidos aos ámbitos da Administración, a educación e os medios de comunicación. Tras a promulgación da lei, aprobáronse diferentes ordes e decretos, que complementan o marco legal e
aseguran a recuperación do galego na Administración local, xudicial e militar. Este marco lexislativo ofrece a posibilidade de comunicarse en lingua galega coas diferentes administracións
que actúan en Galicia e recoñece os topónimos galegos como única forma oficial. Ademais, en virtude da Lei de normalización lingüística, a Administración local e a autonómica están obrigadas
a escribir todos os seus documentos oficiais en galego; está establecida a presenza do galego en todo o sistema educativo e garántese a promoción lingüística nos países con comunidades
galegas emigrantes e nas áreas limítrofes con Galicia nas que se fala o galego. Durante os máis de vinte anos de aplicación da Lei de normalización lingüística producíronse avances decisivos
no proceso de normalización da lingua. O coñecemento do galego esíxese para o acceso a un posto de traballo na Administración pública, segundo se establece na Lei de función pública;
igualmente, mellorouse o seu status coa aprobación, en 1997, da Lei de réxime local e doutras leis sobre os dereitos lingüísticos dos consumidores, a etiquetaxe de produtos etc., se ben a
súa igualdade xurídica co castelán aínda non é plena. ORIXE E BREVE HISTORIA A lingua galega –o galego– pertence á familia das linguas románicas –coma o francés ou o catalán– e é o resultado
da evolución do latín introducido polos romanos no noroeste da Península Ibérica. Desde o século IX, a lingua falada nesta área era tan diferente que podemos considerar a existencia de dúas
linguas: o latín e o galego. O documento literario máis antigo que coñecemos actualmente é a cantiga satírica “Ora faz ost’o senhor de Navarra", escrita a fins do século XII por Joam
Soares de Pavia. Este foi o período máis brillante da literatura galega. O galego chegou a ser a lingua da poesía lírica en toda a península. Fálase de poesía lírica galego-portuguesa,
porque ata mediados do século XIV formaron un mesmo tronco lingüístico. A fins do medievo, a lingua e a literatura galegas entraron nun período de decadencia provocado fundamentalmente por
un contexto sociopolítico dominado por unha clase mandataria foránea e allea aos intereses culturais e identitarios de Galicia. Malia a pervivencia da lingua no ámbito do privado e dos
contextos de comunicación informal, o galego estivo ausente dos usos escritos durante un longo período de tres séculos –XVI, XVII e XVIII– chamados Séculos Escuros. No século XVIII houbo
voces que, influenciadas polos ideais ilustrados, mostraron a súa preocupación polo subdesenvolvemento do galego e ofreceron novas achegas aos ámbitos económico, social e cultural.
Rexurdimento é o nome do noso movemento de renovación cultural, que tivo lugar ao longo do século XIX. Cantares Gallegos, a primeira obra escrita totalmente en lingua galega, publicada en
1863 por Rosalía de Castro, inaugurou o Rexurdimento pleno. A primeira gramática e dicionario galegos, esenciais para a súa estandarización, apareceron tamén no século XIX. A consolidación
do galego non tivo lugar ata o século XX. A recuperación do galego como lingua histórica, cultural e literaria confirmouse cara a finais do século XX, coa consecución do seu status de lingua
oficial xunto co castelán en Galicia, a fixación dunha norma ortográfica e morfolóxica, a súa introdución no ámbito escolar etc. É a lingua dos medios de comunicación públicos de Galicia e
actualmente ten presenza cotiá nos espazos comerciais e de ocio. Así e todo, na actualidade afronta tamén dificultades, fundamentalmente no ámbito empresarial e mesmo nos contextos
familiares das principais urbes galegas, nas que está a aumentar a presenza do castelán como lingua principal dos fogares.