Play all audios:
Esta fase ten por obxecto a identificación xeral dos riscos na empresa. A unidade de estudo dos riscos é o posto de traballo, entendendo como tal o conxunto de operacións desenvolvidas por
un/unha traballador/a ao longo da súa xornada laboral, das máquinas, ferramentas, substancias etc. que emprega ou coas que se relaciona e das características do seu contorno. É preciso saber
que cada posto de traballo se pode referir a máis dun traballador ou traballadora se as características e riscos son sensiblemente iguais. Da mesma maneira será posible considerar un posto
de traballo chamado xenérico que incluiría os riscos comúns aos/ás traballadores/as da empresa ou dun sector grande dela. Esta fase desenvólvese mediante a Ficha 1; na ficha marcaranse para
cada posto de traballo cun X os posibles riscos segundo: forma do accidente, enfermidade ou circunstancias especiais. Código de forma do accidente (para Ficha 1). Segundo a forma na que o
risco pode xerar un accidente: * 01. Caída de persoas a distinto nivel. Inclúe tanto as caídas dende alturas (edificios, ventás, árbores, máquinas, vehículos etc.) como en profundidades
(pontes, escavacións). * 02. Caída de persoas ao mesmo nivel. Inclúe caídas en lugares de tránsito ou superficies de traballo, e caídas sobre ou contra obxectos. * 03. Caída de obxectos por
derrubamento. Abrangue as caídas dende edificios, muros, ventás, escaleiras, montóns de mercadorías etc. e desprendementos de terras, rochas etc. * 04. Caída de obxectos por manipulación.
Abrangue as caídas de materiais etc. sobre un traballador, sempre que o accidentado sexa a mesma persoa á que se lle cae o obxecto que está manexando. * 05. Caída de obxectos desprendidos.
Abrangue as caídas de ferramentas, materiais etc. sobre un traballador, sempre que este non os estivese manexando. * 06. Pisadas sobre obxectos. Inclúen os accidentes que dan lugar a lesións
como consecuencia de pisadas sobre obxectos cortantes ou punzantes. * 07. Golpes contar obxectos inmóbiles. Considera o traballador como unha parte dinámica, é dicir, que intervén dunha
maneira directa e activa, batendo contra un obxecto que non estaba en movemento. * 08. Golpes e contactos con elementos móbiles da máquina. O traballador recibe golpes etc. ocasionados por
elementos móbiles de máquinas e instalacións. Non se inclúen os atrapamentos. Por exemplo, cortes con serra de disco. * 09. Golpes por obxectos ou ferramentas. O traballador lesiónase cun
obxecto ou ferramenta que é movido por unha forza diferente á gravidade. Inclúense marteladas, golpes con outros obxectos ou ferramentas (pedras, ferros etc.), non se inclúen os golpes pola
caída de obxectos. * 10. Proxección de fragmentos ou partículas. Abrangue os accidentes debidos á proxección sobre o traballador de partículas ou fragmentos voadores, procedentes de máquinas
ou ferramentas. * 11. Atrapamento por ou entre obxectos. Pezas de máquinas, diversos materiais etc. * 12. Atrapamentos por volta de máquinas. Inclúen os atrapamentos debidos ás voltas de
tractores, vehículos ou outras máquinas que deixen o traballador lesionado. * 13. Sobreesforzos. Accidentes orixinados polo emprego de carretas ou por movementos mal realizados. * 14.
Exposición a temperaturas extremas. Accidentes causados por alteracións fisiolóxicas ao atoparse os traballadores nun ambiente excesivamente frío ou quente. * 15. Contactos térmicos.
Accidentes debidos ás temperaturas externas que teñen os obxectos que entran en contacto con calquera parte do corpo (líquidos ou sólidos). * 16. Contactos eléctricos. Inclúense todos os
accidentes dos que a súa causa é a electricidade. * 17. Inhalación ou inxestión de substancias nocivas. Accidentes causados polo estado dunha atmosfera tóxica ou pola inxestión de produtos
nocivos. Inclúense asfixias e afogos. * 18. Contactos con substancias cáusticas e/ou corrosivas. Accidentes por contactos con substancias e produtos que dan lugar a lesións externas. * 19.
Exposicións a radiación. inclúense tanto as ionizantes como as non ionizantes. * 20. Explosións. Accións que dan lugar a lesións causadas pola onda expansiva ou polos seus efectos
secundarios. * 21. Lume. Accidentes producidos polos efectos do lume ou das súas consecuencias. * 22. Causados por seres vivos. Inclúense os accidentes causados directamente por persoas ou
animais, como agresións, patadas, picaduras, mordeduras... * 23. Atropelos, golpes e choques contra vehículos. Abrangue os atropelos de persoas por vehículos, así como os accidentes nos que
o traballador lesionado vai contra o vehículo ou vehículos. Non se inclúen os accidentes de tránsito. * 24. Accidentes de tráfico. Esta liña abrangue os accidentes de tráfico ocorridos
dentro do horario laboral, independentemente que estean relacionados co traballo cotián ou non. * 25. Causas naturais. Inclúense os accidentes ocorridos no centro de traballo, que non son
consecuencia do propio traballo senón debidos a causas naturais que tamén se poden dar fóra. Por exemplo, infarto de miocardio, anxina de peito etc. * 26. Outras. Calquera outra forma de
accidente non incluída nas anteriores. Código de forma de enfermidade (para ficha 1). Segundo se poida xerar polos seguintes tipos de axentes: * 27. Axentes químicos. Están constituídos por
materia inerte (non viva) e pódense presentar no aire baixo formas diversas (po, gas, vapor, fume etc.). * 28. Axentes físicos. Están constituídos polas diversas manifestacións enerxéticas,
como o ruído, as vibracións, as radiacións ionizantes, as radicacións térmicas etc. * 29. Axentes biolóxicos. Están constituídos por seres vivos, como os virus, as bacterias, os fungos e os
parasitos. * 30. Outras circunstancias. Calquera outra enfermidade non incluída nas liñas anteriores.