Play all audios:
PRIMEIRA * Cédeselle á Comunidade Autónoma, nos termos previstos no parágrafo 3 desta disposición, o rendemento dos seguintes tributos: * a) Imposto sobre o patrimonio neto. b) Imposto sobre
transmisións patrimoniais. c) Imposto sobre sucesións e doazóns. d) Imposto sobre o luxo que se recade en destino. A eventual supresión ou modificación dalgún destes impostos implicará a
extinción ou modificación da cesión. * O contido desta disposición poderase modificar mediante acordo do Goberno coa Comunidade Autónoma, que será tramitado polo Goberno como proxecto de
lei. Para estes efectos, a modificación da presente disposición non se considerará modificación do Estatuto. * O alcance e condicións da cesión serán establecidos pola Comisión Mixta a que
se refire o apartado 1 da disposición transitoria cuarta que, en todo caso, terá que os referir a rendementos en Galicia. O Goberno tramitará o acordo da Comisión como proxecto de lei ou, de
concorreren razóns de urxencia, como decreto-lei, no prazo de seis meses despois da constitución da Primeira Xunta de Galicia. SEGUNDA O exercicio das competencias financeiras recoñecidas
por este Estatuto á Comunidade Autónoma de Galicia axeitarase ó que estableza a lei orgánica a que se refire o apartado 3 do artigo 157 da Constitución TERCEIRA * A Xunta coordenará a
actividade das Deputacións Provinciais de Galicia en canto afecte directamente ó interese xeral da Comunidade Autónoma, e para estes efectos uniranse os orzamentos que aqueles elaboren e
aproben ó da Xunta de Galicia. * A Xunta poderá encomenda-la execución dos seus acordos ás Deputacións Provinciais. Estas exercerán as funcións que a Xunta lles transfira ou delegue. CUARTA
A celebración de eleccións aterase ás leis que, se é o caso, aproben as Cortes Xerais co fin exclusivo de coordena-lo calendario das diversas consultas electorais.