- Select a language for the TTS:
- Brazilian Portuguese Female
- Brazilian Portuguese Male
- Portuguese Female
- Portuguese Male
- Language selected: (auto detect) - PT
Play all audios:
Real Academia Galega A REAL ACADEMIA GALEGA é unha institución científica que ten como obxectivo fundamental o estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do
idioma galego. A creación da Academia Galega o día 4 de setembro de 1905 na Casa do Consulado da Coruña foi o resultado do intelixente e xeneroso impulso procedente da Asociación Iniciadora
y Protectora de la Academia Gallega, creada en Cuba por un grupo de patriotas da cultura entre os que destacan Xosé Fontenla Leal, polo seu entusiasmo e capacidade organizadora, e Manuel
Curros Enríquez, pola súa auctoritas de poeta civil. É ben posible que a Academia non chegase a nacer e consolidarse sen o pulo e a axuda económica permanente dos galegos emigrados a Cuba. O
25 de agosto de 1906 o rei de España aprobaba os primeiros estatutos e concedíalle o título de Real. É a segunda Academia da Lingua máis antiga de España e Manuel Murguía foi o seu primeiro
Presidente. Entre as funcións da Real Academia Galega están as de establecer as normas referidas ao uso correcto da lingua galega, conforme o disposto na Lei 3/1983, de 15 de xuño, de
Normalización Lingüística, do Parlamento de Galicia, como a elaboración da norma gramatical, ortográfica e fónica; o inventario do léxico e a proposta dun dicionario de uso e a modernización
e actualización do léxico. Tamén estudar e propor a restauración da onomástica galega, velar polos dereitos do idioma galego, defender e promover o idioma galego e asesorar os poderes
públicos e institucións sobre temas relacionados co uso correcto da lingua e coa súa promoción social. Así mesmo debe estudar e dar a coñecer o patrimonio literario e documental da
institución e decidir a personalidade literaria á que cada ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.