- Select a language for the TTS:
- Brazilian Portuguese Female
- Brazilian Portuguese Male
- Portuguese Female
- Portuguese Male
- Language selected: (auto detect) - PT
Play all audios:
A política de prevención de riscos laborais representa un compromiso que debe ser asumido polo máis alto estamento executivo fronte ao colectivo dos traballadores e das traballadoras, e da
sociedade en xeral. A política preventiva inflúe en todas as actividades e decisións, incluíndo aquelas relacionadas coa asignación de recursos, información, deseño e funcionamento de
sistemas de traballo, e o deseño e a subministración de produtos e servizos. Tendo consciencia de que a consecución dunha política de prevención de riscos laborais axeitada ás necesidades de
traballadoras e traballadores é un obxectivo primordial na nosa Administración, asumimos a responsabilidade de integrar a prevención de riscos laborais no sistema xeral de xestión mediante
a implantación e aplicación deste Plan de Prevención que debe garantir a seguridade e saúde e a igualdade de oportunidades do persoal ao servizo da Administración xeral da Xunta de Galicia.
Expresamos o noso compromiso no cumprimento dos seguintes principios e obxectivos fundamentais: * A prevención de accidentes e enfermidades profesionais e doutros efectos prexudiciais para a
saúde relacionados co traballo. * A prioritaria atención ao mandato legal da introdución transversal do principio de igualdade de oportunidades. * A promoción da saúde de todo o persoal ao
servizo da Administración xeral da Xunta de Galicia atendendo ás necesidades diferenciais que poden producirse por razón de sexo. * O cumprimento desde o enfoque de xénero dos requisitos
legais en materia de seguridade e saúde laboral e dos programas de protección e prevención que subscriba a Xunta de Galicia. * O recoñecemento de que a igualdade na seguridade e saúde forma
parte integrante do sistema xeral de xestión. * A prescrición de que todas as persoas membros da organización consideren a xestión da seguridade e saúde e a súa incidencia en mulleres e
homes como unha responsabilidade prioritaria. * A asignación de deberes, responsabilidades e obrigas en materia de seguridade e saúde na estrutura da organización. * A participación e
información de todos os traballadores e as traballadoras, así como o dereito a que se lles consulte con respecto á planificación e aplicación, á avaliación e acción da xestión da prevención
e á adecuación das mesmas ás necesidades das persoas de ambos sexos. * A formación e información á dirección e ao persoal traballador co fin de que sexan competentes para o cumprimento dos
deberes e responsabilidades que teñan asignados e que entendan os seus dereitos. * A asignación dos recursos necesarios, humanos, financeiros ou doutra índole, para aplicar o Plan de
Prevención de Riscos Laborais tendo en conta a perspectiva da igualdade de oportunidades. * A mellora continua no desenvolvemento e aplicación do Plan de Prevención de Riscos Laborais e a
súa adecuación á seguridade e saúde laboral de traballadores e traballadoras. * Difundir a política de seguridade e saúde laboral en todo o ámbito da Administración xeral da Xunta de
Galicia.