Play all audios:
De acordo co disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, os/as empresarios/as deben garantir ao conxunto dos traballadores/as ao seu servizo a
vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo. No ámbito da Administración autonómica, é función do Servizo de Prevención de Riscos Laborais
realizar, entre outras funcións, esa vixilancia da saúde dos empregados e das empregadas públicos/as da Administración xeral da Xunta de Galicia. Segundo o definido na Orde do 25 de marzo de
2009 _pola que se publican os procedementos de vixilancia da saúde, avaliación de riscos e xestión de emerxencias do Plan de prevención de riscos laborais da Administración xeral da Xunta
de Galicia_, esta vixilancia debe comprender: * Historia clínica en función dos riscos inherentes ao traballo * Exploración clínica que comprenderá o control da visión, espirometría,
otoscopia, audiometría e electrocardiograma * Analítica de sangue e de urina * Exame médico para mulleres que comprenderá: estudo citolóxico, exploración mamaria e mamografía, se procede *
Proba específica para homes maiores de 50 anos: determinación do antíxeno prostático en sangue (PSA) A vixilancia da saúde só pode levarse a cabo cando a traballadora ou o traballador
presten o seu consentimento, agás os casos previstos na lei de carácter obrigatorio. Ademais, para a realización dos recoñecementos médicos teranse en conta os riscos laborais presentes nos
postos de traballo, para o que contará coa información ao respecto dispoñible: avaliacións de risco, resultados das investigacións de accidentes e enfermidades profesionais. As medidas de
vixilancia e control da saúde dos traballadores serán desenvolvidas por persoal sanitario cualificado e os resultados dos informes médicos trataranse de acordo co establecido na _Lei
orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal_, polo que se entregarán persoalmente en soporte papel ou telematicamente logo do consentimento do/a
traballador/a. As conclusións que deriven dos recoñecementos efectuados en relación coa aptitude das traballadores e traballadores para o desempeño do posto de traballo serán comunicadas ás
persoas responsables do departamento ou centro de traballo. CONVOCATORIA PERIÓDICA Periodicamente, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes garántelle ao persoal traballador a
vixilancia e control do estado da súa saúde mediante a publicación no DOG, ou calquera outro método que facilite a difusión, da convocatoria do anuncio dos recoñecementos médicos. A
solicitude faise de forma individualizada conforme estableza a convocatoria e, coa aplicación aquí dispoñible, xérase un xustificante de solicitude que debe presentarse debidamente cuberto e
asinado ao persoal sanitario no momento da cita no centro médico que corresponda. Para a campaña de 2025 o prazo de inscrición está aberto do 5 de febreiro ao 5 de xuño.