- Select a language for the TTS:
- Brazilian Portuguese Female
- Brazilian Portuguese Male
- Portuguese Female
- Portuguese Male
- Language selected: (auto detect) - PT
Play all audios:
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia O 23 de maio de 1989, cumprindo co establecido na Lei Orgánica do Poder Xudicial, desapareceu a Audiencia Territorial e constituíuse o Tribunal
Superior de Xustiza de Galicia. Foi a culminación da organización xudicial no ámbito territorial desta comunidade agás a xurisdición correspondente ao Tribunal Supremo. A partir desta data,
este órgano foi instalado no Pazo de Xustiza en A Coruña. Está integrado por tres salas: a do Civil e Penal, a do Contencioso-Administrativo e a do Social. Tamén está prevista a creación da
Sala de Menores. O Pazo de Xustiza foi construído entre os anos 1926 e 1929 seguindo os planos do arquitecto Palacios. É de estilo modernista con marcada influencia neoclásica e nel foron
instaladas todas as entidades da Administración de Xustiza da Coruña. Unha vez que a Audiencia Provincial da Coruña e os Xulgados tiveron edificio propio, o Pazo de Xustiza constituíuse en
sede do Tribunal Superior de Xustiza exclusivamente. Na Sala do Civil e Penal realízanse fundamentalmente os recursos de casación e revisión contra as resolucións dos outros órganos
xurisdicionais do territorio, en materia do dereito civil galego e demandas de responsabilidade civil contra os denominados aforados. Na sala do Contencioso-Administrativo desenvólvense
recursos contra actos das entidades locais e administracións da Comunidade Autónoma, recursos contra os actos e disposicións das xuntas electorais provinciais e da Comunidade Autónoma, así
como as apelacións contra as resolucións dos xulgados do Contencioso-administrativo. O presidente do Tribunal Superior de Xustiza posúe a representación xudicial na Comunidade Autónoma e é o
responsable da boa orde do Tribunal, dirixe a inspección dos xulgados e tribunais do territorio e preside a Sala do Goberno. Esta sala é a encargada, entre outras moitas competencias, de
aprobar normas de repartición de asuntos entre órganos xudiciais, nomeamento de xuíces de paz e substitutos. A orixe e antecedentes das nosas institucións xurídicas atópase na creación da
Real Audiencia de Galicia nos derradeiros anos do século XV. A fundación deste organismo data do ano 1494. Nese momento tiña ao seu cargo todos os asuntos xudiciais, militares, políticos e
administrativos, nunha palabra o goberno do territorio en todas as súas ordes.