- Select a language for the TTS:
- Brazilian Portuguese Female
- Brazilian Portuguese Male
- Portuguese Female
- Portuguese Male
- Language selected: (auto detect) - PT
Play all audios:
ORGANIZACIÓN NACIONAL DE CEGOS ESPAÑOIS (O.N.C.E.). Organización de atención a persoas discapacitadas A Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) créase en 1938, ao unirse varias
asociacións de cegos xa existentes, co obxectivo de que estas persoas puidesen vivir dun traballo e non dependesen dunha pensión. Inicialmente a súa actividade dedícase á mellora da calidade
de vida de cegos e deficientes visuais. A organización conta co recoñecemento e a protección do Estado, que a autoriza para a venda do coñecido cupón da ONCE, unha lotaría con que se
financia a entidade. O primeiro sorteo celebrouse o 8 de maio de 1939. Desde esta inicial dedicación aos invidentes, a ONCE foi ampliando o seu campo de actividade ao conxunto de persoas que
padecen algún tipo de discapacidade. Así, en 1988, crea a Fundación ONCE para a cooperación e inclusión Social das persoas con discapacidade. En 1998 dá un paso máis, coa Fundación ONCE
para a atención ás persoas cegas de América Latina (FOAL), e en 2007 constitúe a Fundación ONCE para a Atención de Persoas con Xordocegueira (FOAPS). No ámbito internacional, xunto a outras
organizacións do mundo da discapacidade, consegue en 2006 que se aprobe a Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade. O labor da ONCE tivo especial incidencia na
dignificación das persoas con algunha discapacidade, tanto a través da asistencia e prestación de servizos, coma da formación e capacitación, e da inserción laboral. O modelo inclusivo da
ONCE é hoxe en día referente internacional. Entre as múltiples distincións con que se recoñeceu a ONCE, ademais da Medalla de Ouro de Galicia, figuran o Premio Príncipe de Asturias da
Concordia e a Orde Paralímpica.