- Select a language for the TTS:
- Brazilian Portuguese Female
- Brazilian Portuguese Male
- Portuguese Female
- Portuguese Male
- Language selected: (auto detect) - PT
Play all audios:
ARTIGO 9 * Os poderes da Comunidade Autónoma exércense a través do Parlamento, da Xunta e do seu presidente. ARTIGO 15 * O presidente dirixe e coordina a acción da Xunta e ocupa a
representación da Comunidade Autónoma e a ordinaria do Estado en Galicia. * O presidente da Xunta será elixido polo Parlamento Galego de entre os seus membros e será nomeado por El-Rei. * O
presidente do Parlamento, logo de consultas coas forzas políticas representadas parlamentariamente e oída a Mesa, proporá un candidato a presidente da Xunta. O Candidato presentaralle o seu
programa ao Parlamento. Para ser elixido, o candidato deberá obter na primeira votación maioría absoluta; en caso de non a obter, procederase, transcorridas vinte e catro horas da anterior,
a unha nova votación e, obtendo maioría simple, considerarase outorgada a confianza. De non conseguirse esta maioría, tramitaranse sucesivas propostas na forma prevista anteriormente. * O
presidente da Xunta será politicamente responsable perante o Parlamento. Unha lei de Galicia determinará o alcance de tal responsabilidade, así como o estatuto persoal e atribucións do
presidente. ARTIGO 16 * A Xunta é o órgano colexiado de Goberno de Galicia. * A Xunta de Galicia está composta polo presidente, vicepresidente ou vicepresidentes, se é o caso, e mais os
conselleiros. * Os vicepresidentes e conselleiros serán nomeados e cesados polo presidente. * Unha lei de Galicia regulará a organización da Xunta e as atribucións e o estatuto persoal dos
seus compoñentes. ARTIGO 17 * A Xunta de Galicia responde politicamente perante o Parlamento de forma solidaria, sen prexuízo da responsabilidade directa de cada un dos seus compoñentes pola
súa xestión. * A Xunta cesa tras a realización de eleccións ao Parlamento Galego, nos casos de perda de confianza parlamentaria, dimisión e falecemento do seu presidente. * A Xunta cesante
continuará en funcións ata a toma de posesión da nova Xunta. ARTIGO 18 O presidente e demais membros da Xunta, durante o seu mandato e polos actos delituosos cometidos no territorio de
Galicia, non poderán ser detidos nin retidos a non ser en situación de flagrante delito, correspóndelle decidir, en todo caso, sobre a súa inculpación, prisión, procesamento e xuízo ó
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Fóra deste territorio, a responsabilidade penal será esixible nos mesmos termos perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo. ARTIGO 19 A Xunta de
Galicia poderá interpor recursos de inconstitucionalidade e presentarse ante o Tribunal Constitucional nos supostos e termos previstos na Constitución e na Lei orgánica do Tribunal
Constitucional.