Play all audios:
Na Lei 2/2015, de 29 de abril, do emprego público de Galicia inclúese a Disposición adicional décimo sétima. Modalidade específica de promoción do persoal laboral: O persoal laboral fixo que
desempeñe funcións correspondentes a persoal funcionario e non cumpra os requisitos establecidos no número 1 da disposición transitoria primeira desta lei, poderá acceder aos corpos ou
escalas de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia aos que figuren adscritas as funcións que realice, de conformidade coas equivalencias entre as
categorías profesionais do persoal laboral e as escalas de persoal funcionario fixadas polo Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da
condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, sempre que posúa a titulación necesaria, reúna os
restantes requisitos exixidos, non exceda da idade de xubilación forzosa e supere o correspondente proceso selectivo realizado de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade, así
como os demais establecidos nos artigos 49 e 55 desta lei. As convocatorias dos procesos selectivos poderán eximir total ou parcialmente o persoal previsto no número anterior que participe
neles dalgunha das probas selectivas exixidas ao persoal de novo ingreso e/ou reducir parte do temario, de forma xustificada, atendendo ao contido das probas selectivas superadas no seu día
para acceder á condición de persoal laboral fixo e ao feito do desempeño de funcións substancialmente coincidentes no seu contido profesional e no seu nivel técnico coas do corpo ou escala
aos que intenta promocionar.